Pequena fábrica de escritura

A escritura é unha actividade única: facilita que nos enfrontemos de maneira consciente ao vocabulario das ideas para descubrir o seu significado. A escritura activa os procesos de pensamento propio dun xeito reflexivo. Pero non todos os textos poden ser moldeados sobre unha estrutura máis ou menos fixa con elementos case prefabricados, e orixinar con ese recurso unha interminable serie de combinacións. Ese texto único que permite tantos cambios creativos é o conto, tal e como desde 1996 se amosa nas ideas do Caldeiro Máxico.

Nese sentido, imaxinar e escribir historias proporciona unha finalidade real para aumentar o control sobre a lingua escrita, xa que é un medio poderoso para desenvolver a comprensión, a ampliación e a transformación da experiencia que posúen os nenos. Por iso, a escola debería funcionar como unha pequena fábrica de escritura creativa.

Construír historias na mente, elaborar contos, é unha actividade que incide en todos os aspectos da aprendizaxe. Porque como dixo o poeta William Blake, a imaxinación non é un estado, é a existencia humana na súa totalidade…

O taboleiro fantástico